O convento de Santa Clara de Pontevedra, pertencente á Orde das Clarisas, pechou as súas portas en setembro de 2017, tras preto de sete séculos de actividade relixiosa. O motivo, non poder mantelo coas dúas únicas monxas que permanecían nel, ambas as dúas de idade avanzada.
Este inmoble, protexido e catalogado como Ben de Interese Cultural, conta ademais cunha horta duns 12.000 metros cadrados, sobre a que o Concello sempre mostrou o seu interese para abrilo ao público e integralo na trama urbana de Pontevedra.
Pois ben, esa posibilidade está máis preto que nunca. O goberno municipal confirmou que está a ultimar as negociacións para adquirir o histórico convento, unha das xoias do patrimonio cultural pontevedrés. Sería, destacan, unha das maiores operaciones urbanísticas da historia da cidade.
"É unha gran noticia para Pontevedra", destacou o edil de Patrimonio histórico, Xaquín Moreda, que confirmou que o Concello é o "único negociador" que está sobre a mesa.
Moreda lembrou que o goberno municipal xa se interesou polo convento tras o seu peche pero, naquel momento, as conversacións non prosperaron. Principalmente por non existir un interlocutor apropiado cos propietarios do inmoble.
Tras buscar "activamente" novas vías de contacto, o Concello logrou avanzar no diálogo coas Clarisas para adquirir o concento. "Hai unha total sintonía entre ambas partes", engadiu o edil do BNG.
Asegura que a orde relixiosa "ve cos bos ollos" que o convento pase a integrar o patrimonio municipal e que, por tanto, o inmoble se poña ao dispor de todos os pontevedreses, evitando que acabe sendo un "elemento de especulación", segundo Xaquín Moreda.
Ao mesmo tempo que avanzan estas negociacións, o responsable de Patrimonio explicou que o Concello estuda a forma de facerse cargo do edificio. Por agora, recoñeceu, ningunha das dúas partes falou do diñeiro para desembolsar nesta operación.
Nos próximos días os técnicos municipais visitarán o convento para revisar o edificio e a súa estrutura, así como todas as instalacións que existen "para evitar sorpresas", aclarou Moreda. A partir de aí, dixo, faranse as valoracións económicas.
O Concello entende que esta operación contribúe a evitar a "degradación" deste patrimonio histórico tan importante para Pontevedra e que, ao estar abandonado actualmente, corre o risco de acabar "arruinado".
Coa súa adquisición Pontevedra gañaría un espazo de máis dunha hectárea en pleno centro da cidade, repartido entre os 4.419 metros cadrados do convento máis os 8.506 metros da horta, que se convertería nunha zona "importante" de esparexemento, afirma o edil, nunha localización "óptima", moi preto do río Lérez e pegado á Praza de Barcelos.
"Estamos ante unhas negociacións únicas e temos que aproveitar esta oportunidade temporal", defendeu Xaquín Moreda, que considera que abrir este espazo para a cidadanía de Pontevedra é unha "prioridade" para o goberno municipal.
En todo caso, Moreda reiterou que "haberá que ver o que piden polo convento" e revisar o estado no que se atopa porque "evidentemente", engadiu, o Concello non está disposto a pagar cantidades astronómicas polo inmoble.