A renovación da autorización ambiental integrada a Elnosa, que tramita a Xunta de Galicia, non contará coa anuencia do Concello de Pontevedra. O goberno local, baseándose nos informes emitidos polos técnicos municipais, informou de maneira desfavorable á pretensión da compañía electroquímica de seguir en Lourizán.
Ademais, o Concello esixe á Xunta de Galicia que remita o expediente "completo" da revisión da autorización ambiental outorgada a Elnosa que inclúa, xunto coas alegacións e observacións recibidas, todos os informes emitidos nesta materia.
En canto ao trámite en si, o goberno municipal basea a súa negativa para renovar a autorización ambiental da fábrica de cloro- álcali nas "carencias" de información remitida e que, segundo o Concello, non foron "emendadas" pola empresa que solicita a renovación.
Así, os técnicos alertan de que a "ausencia" do informe urbanístico que precisa Elnosa do Concello para poder abandonar o mercurio no seu proceso de fabricación de cloro e apostar pola tecnoloxía de membrana. Este documento é "obrigatorio", lembran, coa lexislación vixente ao variar de forma "substancial" a actividade da fábrica.
Tampouco se recolle un estudo de impacto ambiental, ao entender que estas modificacións poden ter efectos "significativos" sobre o medio ambiente polo incremento previsto no consumo de auga -un 50% anual "en época de alerta hidrolóxica"-, polas verteduras previstas e polo proceso de desmantelamento e descontaminación proxectados.
A revisión da autorización ambiental, engade o informe do Concello, debería incorporar o documento que autoriza a Elnosa a captar augas do río Lérez, xa que consideran "imprescindible" coñecer a legalidade desta subministración desde unha conca que sofre "restricións" pola seca e abastece a seis municipios.
Reclámase tamén que se aclare a previsión de verteduras, xa que o novo proceso de produción excedería "amplamente" a autorización actual, ao alcanzar os 100.000 metros cúbicos ao ano fronte aos 55.000 que ten permitidos. Ademais, alertan que segundo as coordinadas achegadas sería unha vertedura directa á ría, nunha zona afectada polas mareas.
Os valores medios de emisión tamén superan os límites da autorización vixente e, no seu punto máis álxido, pasarían "con fartura" esa barreira. Lémbrase, por outra banda, o proceso de legalización que aínda está pendente da EDAR dos Praceres e non se detalla a conexión de Elnosa con estas instalacións ou coa rede municipal de saneamento.
Na súa argumentación, o Concello tamén apunta que desde a Xunta deberían "aclarar" todos os aspectos relativos ao cloro e derivados, en particular, por que modo de vai transportar ou como se vai a almacenar nas instalacións da empresa.