O Concello e Civis Global asinan o contrato da reforma da Santiña

Pontevedra
02 de febreiro 2024

Rematada a fase de tramitación, as obras poderán iniciarse nas vindeiras semanas unha vez que os servizos técnicos do Concello e da empresa asinen a acta de replanteo da obra

Rúa da Santiña, Pontevedra
Rúa da Santiña, Pontevedra / Cristina Saiz

O Concello de Pontevedra asinou este venres o contrato coa empresa Civis Global para a reforma da rúa Santiña. Rematada a tramitación administrativa, o seguinte paso será a reunión técnica para asinar a acta de replanteo e iniciar a obra que, segundo estimacións do goberno local "será cuestión de semanas".

A reforma da rúa Santiña foi adxudicada por 1.811.898,17 euros (a licitación era de 2.159.850 euros), está incluída dentro da liña de financiación das Zonas de Baixas Emisións dos fondos Next Generation da Unión Europea. 

Esta foi unha das obras priorizadas polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para dotala de financiación e "salvala da situación de constriximento ao que está sometido o Concello pola falta dos orzamentos de 2024".

A rehabilitación integral da rúa da Santiña, duns 800 metros de lonxitude, supón dotala de plataforma única cun pavimento continuado para unificar a intervención. Tamén prevé varias zonas arboradas, organizadas en función dos diferentes tramos da rúa pero dándolle un tratamento continuado de paseo e facendo máis brando o percorrido.

Na parte máis próxima á ponte do Burgo está previsto que nos cruzamentos se planten árbores tipo liquidámbar; no seguinte tramo está prevista unha ringleira de ameixeiras púrpuras para suavizar a zona máis industrial da rúa; e xa de cara ao último treito, unha liña de árbores que remata nun conxunto árboreo onde se instalaría unha zona de estancia e, contra a zona máis rural, plantaríase unha ringleira de chopos.

Contémplanse varias áreas de estancia ao longo da rúa, así como unha zona de descanso no extremo norte e a conservación da fonte.

O alumeado inclúe iluminación vertical a través de báculos illados ou suxeitos nas fachadas e sinalización de cortesía integrada nos bancos, nos muros e no chan. Por último, ao igual que en todas as rehabilitacións integrais que se realizan en Pontevedra, tamén se acometerá a renovación dos servizos de saneamento e o soterramento dos servizos de electricidade, gas e telecomunicacións.