"Acordo total" entre a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores para desenvolver solo que permita a construción de novas vivendas protexidas na cidade.
Así foi anunciado este venres despois da reunión de traballo mantida na Alcaldía na que se acordou que os proxectos de vivenda de interese autonómico non se atopen máis afastados da Peregrina que 1,5 quilómetros, "para manter esa idea de cidade compactada, algo totalmente razoable", segundo Lores.
Con esta condición "hai distintas alternativas", desde unidades de actuación que están pendentes de desenvolver, ata terreos en solo urbano consolidado e non consolidado, pasando por terreos urbanizables, "mesmo hai terreos rústicos que cumprirían esa condición", sinalou ou alcalde.
O goberno local de Pontevedra espera que esta proposta se faga mediante un proxecto de infraestruturas de interese autonómico, unha fórmula que que contempla a lei e que xa se empregou para o Hospital Montecelo, que lle fai estar exento de taxas municipais e do imposto de construción.
Os técnicos de ambas as administracións están "en contacto e chegando a acordos, que espero que sexa ou máis pronto posible", para ter o ámbito delimitado en menos dun mes.
PARQUE DE MAQUINARIA
Na reunión conselleira e alcalde tamén falaron "do interese que temos que todas as administracións, de recuperar todos os espazos marítimos terrestres", neste caso da Xunqueira da Gándara ou de Alba. "E aí temos un pouco pendente de como se vai a facer", dixo Fernández Lores.
Despois do traslado do parque de maquinaria da Deputación, a consellería aínda mantén o seu na Xunqueira de Alba e agora van elaborar un estudo de custos e ver "posibles alternativas nun futuro" para liberar eses terreos, sen descartar que o seu destino sexa o polígono de Barro, onde se trasladou precisamente o da administración provincial.
"Hai vontade de chegar a acordo, pero non pechamos absolutamente nada", dixo Lores.
MOLLAVAO
Finalmente, a conselleira avanzou que "en setembro ou outubro" comezarán as obras do vial entre Mollavao e Praceres.