O Concello e a veciñanza de Campelo colaborarán para eliminar un punto de vertedura e crear miradoiros

Poio
06 de novembro 2023

Ángel Moldes reuniuse esta fin de semana con veciños do Camiño do Castro e sinalou que estas "son pequenas actuacións que dan un gran servizo e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas"

Reunión do alcalde de Poio coa Asociación de veciños Camiño do Castro
Reunión do alcalde de Poio coa Asociación de veciños Camiño do Castro / Concello de Poio

Eliminar un punto de vertedura e adaptar dúas zonas novas con miradoiros. Nestes obxectivos traballará a Asociación de veciños do Camiño do Castro, en Campelo, da man do Concello de Poio.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, reuniuse esta fin de semana con esta asociación e, tras escoitar a súa proposta, comprometeuse a colaborar con eles.

En primeiro lugar, procederase a eliminar un punto de vertedura incontrolada existente na parroquia, o que inclúe tamén acondicionar a zona para habilitar un miradoiro, con iluminación e unha varanda de seguridade. Xa para unha segunda fase deixarase a reposición dun camiño de acceso e adecuar outro miradoiro.

Moldes agradece a iniciativa dos veciños, e destaca que "estas actuacións, aínda que parecen pequenas, dan un gran servizo e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas que viven nesas zonas". E destacou que, precisamente, "esta é a filosofía do novo Goberno", isto é, "desenvolver proxectos consensuados cos veciños e que sexan participativos, porque eles mellor que ninguén coñecen cales son as principais necesidades de cada lugar".

Con esta actuación, engadiu, "seguimos a avanzar para eliminar eses puntos conflitivos onde de maneira moi puntual continúan vertendo voluminosos e outros aveños, mellorando a imaxe do noso concello e protexendo o medio ambiente. E, ademais, facémolo dándolle a volta, convertendo un vertedoiro nun miradoiro atractivo para veciños e visitantes".