O Concello e a Deputación asinan o protocolo para estudar se Santa Clara pode formar parte do Museo

Pontevedra
14 de decembro 2021

As dúas administracións sinalan o exemplar deste acordo, tanto en tempo como en forma, e do bo que será non só para a cidade, senón para Galicia. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, explicou que esta posible ampliación faría do Museo unha das instalacións deste tipo máis importantes de todo o Estado

Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores asinan un protocolo sobre Santa Clara
Carmela Silva e Miguel Anxo Fernández Lores asinan un protocolo sobre Santa Clara / Mónica Patxot

O Concello e a Deputación de Pontevedra asinaron este martes, 14 de decembro, un protocolo que permitirá realizar os estudos necesarios no convento de Santa Clara e os seus espazos para comprobaren a súa viabilidade á hora de pasar a formar parte do Museo de Pontevedra como unha nova extensión deste. 

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, coincidiron en destacar a importancia que ten este acordo para a veciñanza da cidade, mais tamén de toda Galicia.

Fernández Lores explicou que é un acordo que lle posibilita á Deputación facer un "estudo fondo das posibilidades de cara a utilización dos espazos construídos en Santa Clara para o Museo de Pontevedra ".

O alcalde lembrou que o Museo ten unha enorme cantidade de fondos que por falta de espazo non poden ser achegados á cidadanía, amais dos continuos achados que van aparecendo e son incorporados á entidade para o seu estudo e catalogación, e posterior exposición. 

Se os estudios a realizar aportasen unha valoración positiva do lugar para ser destinado a usos museísticos, o novo espazo do Museo suporía unha ampliación de enorme valor, permitindo que chegase até os 30.000 metros cadrados,. "Estamos falando de que o que nós consideramos o museo nacional de Galicia pode que chegue a competir con ser un dos museos máis importantes do Estado español". 

O alcalde agradeceu á Deputación a súa disposición de estudar en profundidade esta opción e a investir os cartos necesarios para poñer en valor o Museo.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, amosou a súa "felicidade plena " deste primeiro acordo. "Préstame compartir as alegrías e hoxe é un día de inmensa alegría para Pontevedra, pero tamén para todo o conxunto da provincia e, máis aló, é un día de alegría para Galicia, pois o Museo de Pontevedra é o museo provincial máis importante da comunidade. Non hai nada como este museo, nin nada co que se lle poda comparar, pois aí reside toda a nosa historia. Estou convencida de que todo o mundo está contentísimo, aquí e en calquera lugar".

Silva sinalou que a sinatura do protocolo non debería sorprender a ningunha parte por mor da relación "leal" entre o Concello e a Deputación, "polo ben da cidade e polo conxunto da provincia". 

"O Concello fixo un extraordinario esforzo para incorporar Santa Clara como un ben público do que agora é propietaria toda a cidadanía. Desde o inicio das conversas o vicepresidente da Deputación comezou un traballo intenso para ver a posibilidade de que o Museo puidese ser ampliado neste espazo. Xa é algo comentado, non é nada novo que contemos hoxe ou por primeira vez aquí", declarou a presidenta.