O Concello do Grove continúa coas actividades en torno á conmemoración do Día Internacional pola eliminación das violencias cara as mulleres o vindeiro 25 de novembro. Neste contexto as "Xornadas Coeducando na diversidade e no bo trato. Fortalecendo redes comunitarias para o cambio" levan desenvolvéndose dende o mes de outubro e continuarán ata decembro.
As referidas xornadas incluíron os "Obradoiros de Sexualidade" co alumnados dos CEIP e os IES do Grove e mesas de traballo co profesorado dos centros educativos para a prevención e actuación ante as violencias machistas, agresións e acoso. Ademais diso o pasado 4 de novembro celebrouse un obradoiro de "Empoderamento erótico" e está prevista a celebración dos relativos a "Autodefensa feminista" entre o 2 e o 16 de decembro en horario de 17.00 a 20.00 horas na Casa da Cultura.
Durante este mes, as xornadas tamén continuarán cos obradoiros "Pedagoxía Queer. Sexos, xéneros e desexos disidentes en educación" que se celebrará o 16 de novembro de 17.00 a 20.00 horas na Confraría de Pescadores do Grove. O 23 de novembro no mesmo horario e tamén na confraría terá lugar o "Laboratorio de masculinidades. Masculinidades e homes diversos. Botar fóra os micromachismos" e os luns 20 e 27 de novembro de 16.00 a 20.00 horas na Casa da Cultura do Grove "Contacontos dende a perspectiva de xénero e alén do xénero".
Todas estas actividades están abertas a todas as persoas interesadas e pode dispoñerse dun espazo de conciliación no caso daquelas persoas que queiran participar e teñan responsabilidades familiares. Está prevista a homologación das xornadas por parte da Consellería de Educación. As inscricións tramítanse a través do Centro da Información á Muller (CIM) do Concello.
ACTIVIDADES DO 25N
Ademais de todo isto, tamén se conta cun programa de actividades específico para o sábado 25 de novembro. Deste xeito, o Consello Local de Igualdade reunido esta semana consensuou un manifesto que será lido ás 10.00 horas diante do Concello.
A continuación realizarase unha andaina solidaria contra a violencia de xénero que terá como percorrido: Praza do Corgo, Paseo de Lordelo, Terra de Porto, Avenida do Conde, Virxe das Mareas, Porto Meloxo, Avenida de Portugal, Luis A. Mestre, Xoán XXIII, Teniente Domínguez, Paseo de Confín e regreso á Praza do Corgo. Anímase aos participantes da andaina a que leven unha prenda negra ou morada como recordo de todas as mulleres que sofren algún tipo de violencia.
Finalmente, ese mesmo día ás 21.00 horas a Carpa Institucional acollerá a proxección do Ciclo de Curtas contra a Violencia de Xénero coa colaboración de CortoEspaña.