O Concello do Grove iniciará unha campaña de denuncia para aqueles usuarios que abandonen obxectos na vía pública.
O Concello do Grove lembra á cidadanía que é obrigatorio trasladar os obxectos voluminosos e desfeitos de carácter especial ao punto limpo situado no lugar da Zapateira no monte da Siradella.
O punto limpo está especializado na recuperación de materiais contidos nos residuos para a súa reciclaxe directa e evitar o vertido incontrolado de voluminosos como mobles, electrodomésticos ou escombros.
Segundo informaron fontes municipais, nas últimas semanas, téñense detectado varios incumprimentos no relativo á xestión dos residuos no Concello ao abandonarse elementos deste tipo na vía pública. Dende o Concello tense iniciado unha campaña para realizar a correspondente denuncia e xestión das respectivas sancións para este tipo de incumprimentos.
O punto limpo funciona de luns a venres de 17.00 a 21.00 horas e os sábados de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 e 20.00 horas. Ademais disto o Concello presta un servizo de balde de recollida de chatarra, mobles e outros utensilios inservibles de procedencia doméstica (non industrial) que funciona todos os mércores, sendo imprescindible avisar antes no teléfono gratuíto 900720190.
Dende o Concello incídese na necesidade da colaboración cidadá no bo funcionamento do sistema de recollida en todos os seus elementos xa que é especialmente importante nos meses de verán cando a poboación do municipio e os residuos xerados se multiplican.