O Concello di que o campo de fútbol de Mirallos estará en funcionamento para a vindeira tempada

Umia
07 de novembro 2023

Con este anuncio, a voceira do goberno local, Luisa Piñeiro, sae ao paso das críticas do portavoz do grupo municipal do PSOE, Xoel Souto Eiras, que sinalaba que dende o ano 2019, a veciñanza de Moraña "está a sufrir unha espera inaceptable para ver o progreso nas obras do campo de fútbol de Mirallos" xa que "o alcalde Sito Gomez, tamén presidente do Moraña CF, é incapaz de resolver este problema"

Estado do campo de fútbol de Mirallos (6 de novembro de 2023)
Estado do campo de fútbol de Mirallos (6 de novembro de 2023) / PSOE de Moraña

O Concello de Moraña vén de fixar o remate das obras de modernización e remodelación do campo de fútbol de Mirallos para o primeiro semestre do vindeiro ano co obxectivo de que o seu pleno funcionamento e posta en marcha se produza para a tempada 2024/2025.

Con este anuncio, a voceira do goberno local, Luisa Piñeiro, saiu ao paso das críticas do portavoz do grupo municipal do PSOE, Xoel Souto Eiras, que sinalaba que dende o ano 2019, a veciñanza de Moraña "está a sufrir unha espera inaceptable para ver o progreso nas obras do campo de fútbol de Mirallos" xa que "o alcalde Sito Gomez, tamén presidente do Moraña CF, é incapaz de resolver este problema".

Os socialistas de Moraña denunciaron os incumprimentos nesta reforma "cun custo de medio millón de euros" e que "quedará incompleta" xa que "non veremos o ximnasio, o circuito de atletismo nin os catro vestiarios completamente equipados que nos prometeron". 

Para Xoel Souto, "é decepcionante comprobar como a xestión do PP non só produce retrasos, senón que tamén esmorece as expectativas".

O PSOE criticou o "mal goberno do PP en Moraña" e esixiu "transparencia e rendición de contas para garantir que os recursos públicos se usen axeitadamente en beneficio do noso concello". "A deriva do PP local, coa súa falta de acción e resposta a esta situación, só afonda nos problemas do noso concello", conclúe Xoel Souto Eiras. 

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

Pola súa banda, a tenente de alcalde, Luisa Piñeiro explicou que esta obra, iniciada en 2019, viuse afectada "de cheo" pola chegada da pandemia da covid-19 e "a absoluta paralización das obras durante case dous anos" e os posteriores problemas de subministro e de encarecemento de materiais "que foi algo que lle pasou, por desgraza, a todos os concellos sen diferenza de cor política polas dificultades que supuxeron estes feitos sobrevidos".

Luisa Piñeiro concretou que o Concello xa ten reservada unha partida específica de 50.000 euros para iniciar o fin de obra neste mesmo ano e poder culminala con outros fondos a comezos de 2024. 

"Imos rematar Mirallos nuns meses, o que demostra a nosa capacidade de xestión e de superación das dificultades deste goberno local", dixo Piñeiro. 

A tenente de alcalde aproveitou para "pedir desculpas aos clubes, os deportistas e todos os veciños por estes adiamentos e agradecer a súa comprensión e a súa postura tan razoable, xa que son coñecedores de que ninguén máis que o goberno de Moraña quere rematar este campo e poñelo á súa disposición".

A tenente de alcalde respostou ás críticas dos socialistas por este asunto asegurando que "deben ser as únicas persoas de Moraña que non comprenden uns motivos que todo o mundo entende" e engade que no Concello "os clubes e deportistas teñen, afortunadamente e pola xestión deste goberno, unha gran alternativa co magnífico campo de fútbol do Buelo, cousa que non pasa en municipios rexidos durante moitos anos por alcaldes do seu partido, como Caldas de Reis, cunha instalación en pésimas condicións, ou Ponte Caldelas, que vén de sufrir unha desgraza en Chan da Barcia polas inundacións, e aos que lle transmitimos a nosa solidariedade, pero que non dispón de ningunha alternativa e os seus deportistas van ter que desprazarse durante meses ao estadio da Lama". 

"Os socialistas de Moraña dando leccións de xestión é como cando os paxaros disparan ás escopetas", ironizou Luisa Piñeiro.