O Concello deseña un plan para a posta en valor dos cedros do Himalaia dos Xardíns de Vincenti

Pontevedra
03 de febreiro 2020

O Servizo de Parques e Xardíns destinará máis de 9.600 euros a este proxecto, para o que solicitou as axudas da Xunta en materia de conservación, protección e mellora de árbores senlleiras

Cedro caído sobre a terraza da cafetería Blanco y Negro
Cedro caído sobre a terraza da cafetería Blanco y Negro / PontevedraViva

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, que dirixe Iván Puentes, destinará máis de 9.600 euros a un conxunto de actuacións necesarias para conservar e protexer catro cedros senlleiros ubicados nos Xardíns de Vincenti.

O Servizo Municipal de Parques e Xardíns acaba de remitirlle á Xunta de Galicia a solicitude, acompañada dunha memoria de actuacións, para que este proxecto reciba as axudas autonómicas en materia de protección e mellora de especies e formacións incluídas no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras para o ano 2020.

O enxeñeiro técnico forestal Eduardo Penedo Padín, especialista en arboricultura, será o encargado de levar a cabo unha inspección técnica especializada previa á realización de traballos de poda e á substitución dos sistemas de suxeición existentes por uns novos elementos de ancoraxe máis acaídos.

A inspección permitirá a identificación de patoloxías e de posibles perigos e terá en consideración os factores propios da especie e de cada exemplar: peso, densidade ou resistencia da madeira.

Como consecuencia dos temporais con ventos de elevada intensidade rexistrados en 2010 e 2017, os catro cedros do Himalaia sobre os que se vai intervir resultaron fortemente afectados. As árbores víronse danadas na súa copa, en especial os dous exemplares próximos á unión entre a rúa Arquitecto de la Sota e o Paseo de Cervantes. Por este motivo e pola da necesidade de garantir a conservación das árbores e o seu bo estado fisiolóxico, levarase a cabo unha limpeza de ramas mortas e unha poda dunha intensidade moderada, tendo en conta as características non retoñais da especie, tentando conservar a vitalidade dos cedros e garantindo a seguridade na súa contorna.

Os restos da poda serán triturados progresivamente e retirados para o seu emprego como 'acolchado' noutras zonas verdes ou como estruturante para a compostaxe.

O proxecto completarase cunha sinalización individual na contorna de cada exemplar, ademais dunha destinada ao conxunto da formación. As súas características e dimensións serán obxecto de estudo e, con carácter previo á execución dos traballos, remitiranse para o pertinente informe ao Servizo de Patrimonio Natural da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente.

O plan de conservación e protección dos cedros do Himalaia dos Xardíns de Vincenti ten un prazo de execución previsto de cinco semanas e para levar a cabo as actuacións precisarase da asistencia dun camión grúa.