O Concello desbloquea os 3,2 millóns para a compra de Santa Clara

Pontevedra
11 de novembro 2021

Rematado o expediente de Santa Clara o Concello pasa a documentación á Notaría para pechar a compra do Convento

Visita dos técnicos municipais a Santa Clara
Visita dos técnicos municipais a Santa Clara / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra celebrou este xoves unha Xunta de Goberno extraordinaria na que deu por pechado o expediente administrativo para a compra do convento de Santa Clara. 

Este acto permite desbloquear os 3,2 millóns de euros que suporá a adquisición do mosteiro, tal e como se acordou coa congregación das Clarisas.

O seguinte paso é remitir a documentación á Notaría, que se fará nas vindeiras horas. Comprobará a validez do expediente e elaborará o documento de compra-venda do mosteiro para incorporalo ao patrimonio público, que deberán asinar ambas partes. Polo Concello será o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores. 

Con esa sinatura rematará o proceso de compra: "o fito histórico máis importante da cidade, despois da incorporación da Alameda ao entramado urbano no século XIX", segundo o Goberno local.