O revés xudicial que o Concello de Pontevedra recibiu do Tribunal Supremo, rexeitando dous recursos contra o Plan Supramunicipal de Ence e a súa autorización ambiental integrada, non desanima ao goberno municipal na súa batalla xudicial contra a permanencia da pasteira na ría. E nesta estratexia xogará un papel fundamental a Unión Europea.
O alcalde de Pontevedra avanzou que o Concello estuda denunciar a prórroga da concesión a Ence ante o Tribunal da Competencia europeo. A base deste recurso será, segundo Miguel Anxo Fernández Lores, o feito de que se lle outorgue permiso a unha empresa do sector para ocupar espazo público e outras compañías teñan que operar en espazos privados.
Esta denuncia, en todo caso, atópase nunha fase inicial de preparación polo que Fernández Lores non quixo dar máis información sobre o seu contido.
A sentenza do Supremo, na que chegan a cualificar de "obstinación" a postura do Concello con respecto a Ence, serviu ao alcalde para asegurar que "máis obstinada que vai a ser" neste asunto e que "se houbera un superlativo de obstinación, estariamos aí".
Aínda que asegura respectar a decisión do alto tribunal, o rexedor pontevedrés explicou que non comparte os criterios que marca o fallo xudicial porque faculta ás administracións para "saltarse as competencias municipais e facer o que queiran".
Por iso, reiterou que o Concello seguirá recorrendo contra Ence "aquí, na Unión Europea ou onde sexa" porque o goberno municipal móstrase "convencido" de que a empresa debe abandonar a ría. "Non imos a deixar de loitar. Ei de estar morrendo ou afogando e vou seguir dicindo que aí non poden estar", concluíu.
O PP PIDE A LORES QUE DEIXE DE FACER O RIDÍCULO
Pola súa banda, o Partido Popular cualificou como "lamentable e vergoñoso" que o goberno municipal continúe acudindo á vía xudicial para impedir a continuidade de Ence.
"Lores debería deixar de enredarse con preitos inútiles que nos custan diñeiro a todos e que encima deixan en ridículo ao goberno local ata o punto de que o Tribunal Supremo dálle un tirón de orellas por terxiversar sentenzas", asegura o portavoz popular, Jacobo Moreira.
O PP de Pontevedra insta a Lores a unirse "aos que apostamos por esixir a Ence compromisos, investimentos e emprego para Pontevedra", algo que xa se recolle no pacto ambiental entre a Xunta e a compañía.