A situación administrativa na que se atopa a nave de Pontesa, afectada polo incendio que se produciu o pasado domingo, complícase.
Ante a falta de licenza municipal de actividade, o Concello de Pontevedra remitiu senllos oficios á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU), dependente da Xunta de Galicia, e a Costas do Estado reclamando o cesamento completo de actividade nas instalacións.
Os servizos xurídicos do Concello, tras consultalo cos técnicos de Urbanismo, concluíron que, ao estar a nave situada en terreos de dominio público marítimo-terrestre ou en servidume de protección de costas, son a Xunta e o Estado os competentes na materia.
Nos escritos remitidos desde Pontevedra, que achegan os informes policiais, sosteñen que a APLU debe reclamar ao Grupo Nogar ou aos propietarios dos terreos que se repoña a legalidade, o que levaría implícito o cesamento da actividade en todo o ámbito de Pontesa.
Ademais, instan a que se abra un expediente sancionador contra a compañía, ao realizar unha actividade "prohibida" para a que non contaban coa preceptiva autorización municipal.
De maneira paralela, subliñan desde o goberno municipal, os servizos xurídicos seguen estudando a situación por se o Concello tivese que intervir dalgunha outra maneira.
O ALMACENAMENTO FOI AUTORIZADO POLA XUNTA
A este respecto, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, matizou que a licenza de actividade "non é competencia do Goberno nin de Costas", pero sostivo que Pontesa estaba entre os lugares autorizados pola Xunta para almacenar gran.
"É un gran que entra practicamente todo polo porto de Marín", afirmou.
En todo caso, aclaran desde o Concello, que exista unha autorización expresa da Xunta para usar estas instalacións para almacenar gran ou cereais non exime á empresa que xestiona a nave para ter que solicitar a correspondente licenza municipal de actividade.
O Grupo Nogar, insisten fontes municipais, non rexistrou solicitude algunha. A última licenza solicitada sobre esa nave é da actividade da propia Pontesa como fábrica de cerámica.