O Concello decreta a suspensión inmediata das obras que afectan o colexio de Barcelos

Pontevedra
01 de decembro 2023

O Concello de Pontevedra acaba de decretar este venres a suspensión inmediata das obras que Promocións Gramade está a executar nun solar da Rúa do Rouco e que están a afectar ao CEIP Barcelos, e ordena que garantan a estabilidade do terreo

Obras de construción dun edificio ao carón do colexio de Barcelos
Obras de construción dun edificio ao carón do colexio de Barcelos / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra vén de decretar a suspensión inmediata das obras que Promociones Gramade está a executar nun solar da rúa do Rouco e que están a afectar ao CEIP Barcelos, e ordea que garantan a estabilidade do terreo.

Esta promotora ten licenza para construir un edificio con dous sotos e seis plantas con aproveitamento baixo cuberta.

O Concello ordena a esta empresa que adopte as medidas urxentes de seguridade para garantir a estabilidade dos terreos.

Asemade, pídelle que achegue "no prazo de 24 horas" un documento realizado por un técnico competente no que "especifique as medidas inmediatas que se van a adoptar nas obras" para impedir que as escavacións realizadas e os muros que se están a executar "produzan alteracións do terreo sobre o que se asentan os inmobles lindeiros".

En particular, deberan adoptarse medidas que garantan a estabilidade na esquina nordés da parcela. Tamén se deberán indicar as medidas que se adoptarán para facer un seguimento da eficacia das medidas provisionais.

No prazo de 5 días esta promotora tamén deberá achegar un informe técnico no que se revise a solución que se está a empregar na escavación e execución dos muros dos sotos e se valore "xustificadamente" a solución técnica máis axeitada para seguir escavando "tendo en contra a base sobre á que se asentan os inmobles lindeiros e as súias características para evitar danos neles".

Mentres non se achegue este informe non poderán seguir coas escavacións "agás as que teñan que ver coas medidas inmediatas" que debe acometer a empresa.

En caso de incumprimento o Concello procederá a execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas de mil a dez mil euros, reiterables trimestralmente ata lograr a execución da totalidade das obras ordenadas, ou ben acudir á execución subsidiaria de maneira directa pola Administración, á conta da propiedade, esixíndolles o importe dos gastos, danos e prexuízos. Isto sen prexuizo da incoación do oportune expediente sancionador, no seu caso.

O Concello de Pontevedra tamén advirte expresamente a Promociones Gramade de que o incumprimento desta orde de suspensión das obras Promociones Gramade "pode ser constitutivo do delito de desobediencia" e que, no caso de producirse, "porase en inmediato coñecemento da Fiscalía".