O Concello de Vilagarcía ofrece os seus recursos para acoller poboación ucraína fuxida da guerra

O Salnés
01 de marzo 2022

Desde o Concello tamén realizan unha condena pública ao ataque das tropas rusas ao territorio de Ucraína e amosan a solidariedade e apoio á cidadanía afectada por esta tráxica situación

Concentración no Concello de Vilagarcía contra o inicio da guerra de Rusia contra a Ucraína
Concentración no Concello de Vilagarcía contra o inicio da guerra de Rusia contra a Ucraína / Concello de Vilagarcía de Arousa

O Concello de Vilagarcía ofreceu os seus recursos habitacionais ás autoridades do Estado español e da Xunta de Galicia para ofrecer a súa disposición para acoller a cidadanía procedente de Ucraína que fuxa da guerra iniciada na última semana a partir dos ataques de Rusia.

Desde o goberno local lembran que Vilagarcía xa conta con experiencia en acollida de persoas refuxiadas nas  crises humanitarias que se produciron en Afganistán e Siria durante os últimos anos. O municipio dispón de dúas vivendas perfectamente equipadas e que poderían albergar a unhas dez persoas.

Ademais desta acción de carácter humanitario, o Concello de Vilagarcía de Arousa condena de maneira pública o ataque por parte das tropas rusas, baixo o goberno de Vladímir Putin, aos territorios de Ucraína. Mostra, ademais, a súa solidariedade e apoio á cidadanía que está a sufrir esta tráxica situación que padece e "que resulta de todo incomprensible en pleno século XXI", segundo manifestan desde o goberno arousán.

Arquivado en