O Concello de Vilagarcía axudará a preparar as probas libres da ESO

O Salnés
25 de maio 2013

As clases impartiranse de xuño a setembro no marco do programa de retorno educativo e son gratuítas. Poderán inscribirse mozos de 16 a 24 anos, aínda que só poderán presentarse aos exames de setembro os que teñan cumpridos os 18

A Concellería de Educación do Concello de Vilagarcía pon en marcha no mes xuño unha nova edición das Titorías para a preparación das probas libres para a obtención do Graduado na ESO, unha actividade coa que se pretende facilitar que as persoa adultas que non completaron no seu día o ensino obrigatorio, teñan a oportunidade de facelo agora.

Durante catro meses, os interesados poderán asistir ás clases preparatorias que se impartirán de xeito gratuíto no Centro Formación de Matosinhos, de xeito que poidan presentarse con éxito aos exames que a Xunta realizará en setembro. A inscrición para as clases xa se pode facer no Rexistro do Concello.

Estas titorías forman parte do programa de retorno educativo que desenvolve a concellería que dirixe Rocío Llovo. A actividade está dirixida a mozos de entre 16 e 24 anos de idade (aínda que só poderán facer os exames de setembro os que teñan cumpridos os 18 anos o día da proba) abandonaran os estudos sen completar a ESO e que non estean matriculados nun centro oficial.

Aparte de facilitarlles que completen as ensinanzas obrigatorias, o programa tamén persegue abrir unha vía para que os alumnos poidan retomar os estudos podendo acceder a graos superiores, como o Bacharelato ou a Formación Profesional de Grao Medio. Trátase dunha alternativa que moitos mozos que se atopan en situación de desemprego poden aproveitar para mellorar a súa formación e currículo.