Nos próximos meses o Tribunal Supremo pronunciarase sobre o recurso de casación do Concello no que solicita o pago fraccionado dos 6,9 millóns de euros pendentes da expropiación da leira e o vial de As Cunchas.
En calquera caso, do importe máximo da operación deberase deducir o pago xa efectuado desta anualidade no pasado mes de marzo.
Ante a eventualidade de que o recurso puidese ser rexeitado, o Concello explorou con cinco entidades bancarias a opción dun crédito que permitiría saldar nun único pago a cantidade pendente da expropiación.
Así, o goberno levará ao Pleno ordinario do 29 de xullo a concertación dun préstamo a 8 anos, o mesmo prazo que se solicita ao Supremo, co primeiro ano de carencia, é dicir, sen intereses e coa posibilidade da súa anulación sen custo algún.
O Concello de Sanxenxo ten débeda cero desde finais de 2022, "por tanto, asumiría a operación nas mellores condicións posibles".
No caso de confirmarse o crédito, o endebedamento situaríase no 27%, "moi lonxe do máximo que permite a lei de estabilidade orzamentaria situado no 75% dos ingresos ordinarios do Concello".