O Concello de Pontevedra retirará un millón de euros de NGB coa cancelación de catro contas

Pontevedra
12 de xuño 2013

ÿ a cantidade aproximada que o Concello de Pontevedra retirará de Novagalicia Banco coa cancelación de catro das catorce contas que ten actualmente abertas nesta entidade. Así llo trasladou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, a unha representación dos afectados por preferentes e subordinadas, cos que mantivo un encontro na sede municipal

Miguel Fernández Lores, acompañado polos afectados por preferentes e subordinadas
Miguel Fernández Lores, acompañado polos afectados por preferentes e subordinadas / PontevedraViva

Un millón de euros. ÿ a cantidade aproximada que o Concello de Pontevedra retirará de Novagalicia Banco coa cancelación de catro das catorce contas que ten actualmente abertas nesta entidade. Así llo trasladou este martes o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, a unha representación dos afectados por preferentes e subordinadas, cos que mantivo un encontro na sede municipal.

En concreto, o Concello de Pontevedra cancelará as contas que están vinculadas ás sancións do guindastre municipal, ás infraccións urbanísticas, co pago das taxas para poder presentarse a oposicións e coas publicacións, boletines oficiais ou anuncios. Son aquelas, dixo Fernández Lores, que os servizos económicos municipais consideraron que coa súa cancelación "farían o menor daño posible aos cidadáns".

Con este xesto, o goberno municipal quere expresar a súa "repulsa", unha vez máis, ante o que consideran é "o atraco dos aforros de miles de galegos". Unha situación, dixo o alcalde, "que está afectando a título persoal a moitas familias que viven momentos moi duros e absolutamente denunciables". Neste sentido, tivo un recordo especial ao octoxenario que se suicidou este pasado fin de semana en Pontevedra "e ao que coñecía persoalmente".

Polo momento descoñécese a entidade na que o Concello de Pontevedra depositará todo este diñeiro e abrirá de novo estas contas bancarias. "Se houbese un banco público, como nós vimos reclamando desde hai tempo, estaría aí metido", dixo Fernández Lores.

A Miguel Fernández Lores acompañábano unha trintena de afectados por preferentes e subordinadas da Plataforma de Marín-Pontevedra. Un dos seus portavoces, David Rabuñal, explicou que con esta nova quita aprobada polo FROB os ánimos están máis caldeados que nunca porque "definitivamente se quedan co noso diñeiro". Cifrou nun 22,42% o diñeiro que perderán os que teñan subordinadas e ata un 64,53% os que asinaran preferentes.

En todo caso, sinalou que "imos seguir pelexando polos nosos aforros", porque segundo Rabuñal "isto non vai seguir así". Non será, sinalaron, pola vía da arbitraxe, unha solución que se suspende a partir do próximo domingo 16 de xuño. "Nós pelexaremos porque non se agote a vía da arbitraxe", dixo o portavoz dos afectados, que recomendou que "ninguén firme ningún papel que lle dea o banco estes días sen consultalo antes cun avogado".

"Este é un golpe para tratar de tumbarnos", din os afectados. "Pero non o van conseguir".