O Concello de Pontevedra reclama o desescombro do edificio incendiado aos propietarios

Pontevedra
12 de febreiro 2016

Mentres a Policía Científica continúa coa investigación aberta, o goberno municipal pide tamén aos propietarios a retirada de todos os elementos susceptíbeis de desprendemento, incluíndo os pertencentes á estrutura de madeira danada

Fotografías do Informe do servizo de arquitectura sobre o edificio de Michelena
Fotografías do Informe do servizo de arquitectura sobre o edificio de Michelena / Concello de Pontevedra

O Concello de Pontevedra atópase na fase de localizar aos propietarios do edificio de Michelena 12, incendiado o pasado 1 de febreiro, para instarlles a que se retiren todos os elementos suceptibles de desprendemento, incluíndo os elementos de estrutura de madeira danados, ademais do apeo de todos os elementos dos que existe perigo de caída, entre eles, toda a estrutura portante.

Estas peticións derívanse do informe realizado polo arquitecto municipal no que tamén consta a reclamación aos propietarios para que leven a cabo o rebo e proceder á limpeza de todo o inmoble.

Os propietarios contarán cun prazo de trinta días para presentar un informe sobre as medidas adoptadas, que deberán estar avaladas por un técnico que determine que elementos corren perigo de desprenderse no edificio.

Esta operación será paralela á que acometa o equipo de axentes da Policía Nacional de Pontevedra e da Comisaría Xeral da Policía Científica, que está previsto que leven a cabo tarefas de desescombro para terminar a investigación sobre as causas que provocaron este incendio.

Arquivado en