A alcaldesa en funcións, Eva Vilaverde, destacou que o Concello de Pontevedra "ponse ao día" coas subvencións a clubs deportivos e porá a disposición das entidades deportivas da cidade un total de 600.000 euros a través de dúas anualidades diferentes.
"Poñémonos ao día, tal e como prometemos no seu momento, nas anualidades destas axudas", indicou Eva Vilaverde na súa comparecencia deste xoves en rolda de prensa para dar conta da Xunta de Goberno celebrada a primeira horas na que se deu luz verde ás bases da convocatoria para as subvencións de clubs deportivos da cidade para os anos 2023 e 2024.
"Conseguimos non saltarnos ninguna tempada e logramos poñernos ao día", reiterou.
O Concello de Pontevedra investirá un total de 300.000 euros en axudas en cada unha das convocatorias, que os clubs deberán tramitar por separado para que sexa un proceso máis doado para cada entidade interesada. As axudas comparten os contidos no que ten que ver coas súas bases de adxudicación e nas súas contías.
O obxectivo destas axudas é o de promover a práctica deportiva a través da participación e competicións oficiais. Os seus beneficiarios son as asociacións ou entidades deportivas privadas sen ánimo de lucro, adaptadas á Lei do Deporte, federadas, que teñan o domicilio social en Pontevedra, que participen en competicións deportivas oficiais e que figuren no rexistro oficial de asociacións e identidades deportivas da Xunta de Galicia.
"Quixemos, ademais, que quedara constancia en Xunta de Goberno o recoñecemento expreso ao Servizo de Deportes, así como demais servizos municipais implicados na posta en marcha destas subvencións pois somos conscientes que en poucas semanas foron quen de sacar distintas liñas de axudas", indicou.