O Concello de Pontevedra ofrecerá unha ruta en homenaxe a María Victoria Moreno

Pontevedra
03 de abril 2018

O proxecto 'Camiñadas María Victoria Moreno' irá máis aló da zona vella da cidade e percorrerá contornas como a de Campolongo. Ademais do acto de homenaxe do 4 de abril no IES Torrente Ballester, o 26 de abril tense prevista a proxección dun documental sobre a autora no Teatro Principal

Alberto Oubiña na presentación do cartel
Alberto Oubiña na presentación do cartel / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra presentou este martes 3 de abril o cartel que abre a programación de actividades relacionadas con María Vitoria Moreno, homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2018. Nel, quedan plasmadas dúas paixóns da escritora: por unha banda o amor que sentía polo ensino, e por outra o seu sentimento relacionado con Galicia.

Como propósito das iniciativas, sinala o concelleiro de Normalización Lingüística Alberto Oubiña, está relacionar á homenaxeada coa cidade. No IES Torrente Ballester, instituto onde a autora exerceu de docente durante case unha década,darase o mércores 4 de abril ás 17.00 horas un acto de homenaxe ao que acudirán as principais autoridades políticas de Pontevedra. Levarase a cabo no evento unha conferencia inaugural a cargo do membro da Real Academia Galega Xesús Alonso Montero, a proxección dun vídeo-homenaxe, unha mesa redonda e a proxección dun conto inédito da autora.

Moreno sentíase "pontevedresa de corazón". Por ese motivo, na programación inclúese o proxecto 'Camiñadas María Vitoria Moreno', que será presentado o venres 6 de abril. Trátase dunha ruta deseñada pola profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña e a escritora Fina Casalderrey, que complementará as xa existentes dedicadas a personalidades como Xoán Manoel Pintos, Castelao ou Martín Sarmiento. 

A diferenza da maioría de camiñadas, esta irá máis aló da zona vella pontevedresa. Terá saída na ponte da Avenida de Vigo e percorrerá contornas como  Campolongo ou a rúa de Andrés Muruais. Ademais, estará aberta a calquera que queira inscribirse, sen a necesidade de formar un grupo. Para anotarse, é necesario enviar un correo a normalizacionlinguistica@pontevedra.eu ou chamar ao número do Concello 986804300, marcando a extensión 7107.

Por último, Oubiña anunciou a proxección o xoves 26 de abril dun documental preparado con empresas de comunicación pontevedresas pertencentes ao programa Pontevedra ten un Puntazo. Ese día, ás 20.30 horas no Teatro Principal mostraranse entrevistas a persoas do ámbito persoal da autora, como Alonso Montero, Manolo Bragado ou Antonio Seijas, ademais de imaxes inéditas.