O Concello de Pontevedra celebrou onte xoves e hoxe venres dúas reunións da Xunta de Goberno nas que se mobilizaron investimentos por un global de 2,2 millóns de euros.
Segundo informou en rolda de prensa a portavoz municipal, Anabel Gulías entre os asuntos aos que deu "impulso" o Goberno local atópase o inicio da contratación da zona de xogos da rúa Pintor Laxeiro (198.965 euros) cun período de execución de oito meses ou a proposta de adxudicación da seguridade informática e a robotización das oficinas municipais (por uns 60.000 euros).
Tamén se iniciou este venres o expediente de contratación do proxecto de rehabilitación integral do núcleo de centralidade de Campañó. A obra desenvolverase no primeiro semestre do próximo ano cun importe de 476.078 euros e un prazo de execución de catro meses.
Ademais, con tramitación anticipada, o Goberno do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores empeza coa contratación a renovación e mantemento da iluminación pública no centro urbano sur, unha vez que se completou o proceso de mellora da iluminación pública nas parroquias do rural.
O prezo deste contrato ascende a 1.578.347 euros e financiarase integramente mediante un convenio coa Deputación de Pontevedra.
OUTROS ASUNTOS
Nestas Xunta de Goberno tamén se completaron algúns trámites administrativos para poder pechar o presente exercicio como o pago das facturas que estaban pendentes en distintos servizos municipais.
Tamén se deu luz verde á reedición do convenio ata o 2025 co Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda, ao que o Concello de Pontevedra destina 60.000 euros.
O equipo de goberno tamén abordou na súa reunión o Plan de Contratación para o 2023, un instrumento interno de planificación que ten como obxectivo mellorar os procesos administrativos.
Anabel Gulías tamén comunicou que nesta Xunta de Goberno estudouse unha proposta da área de Persoal para a provisión de dous postos por mobilidade nas categorías de policía e inspector.