A concelleira de Festas do Concello de Pontevedra, Carme Da Silva, valorou con satisfacción a primeira fin de semana das Festas da Peregrina no que a cidadanía seguiu "a tónica xeral que xa tiñamos en toda a programación do verán" cun comportamento "responsable" que se puido apreciar na poboación "tanto de Pontevedra como nas persoas dos arredores, como no das que nos visitan".
Carme Da Silva destacou o respecto ás normas de seguridade sanitaria que se impuxeron en todas as actividades celebradas "e tamén polas rúas", sinalando particularmente o uso das máscaras e a ausencia de "amontoamentos".
"Dá bastante alegría ver como a xente en Pontevedra compórtase desa forma e sabe gozar da programación de verán nos espazos públicos", significou a concelleira do BNG.
MENCIÓN ESPECIAL Á XENTE NOVA
Carme Da Silva quixo facer unha "mención especial" aos máis novos "cos que moitas veces ése moi crítico".
Facía referencia a concelleira ao "medo" e as "dúbidas" existentes sobre se esta fin de semana ía celebrar a festa de penas, é dicir, ese macrobotellón polas rúas e prazas do centro histórico que ten lugar as primeiras fins de semana de agosto acompañando á feira taurina.
"Quería felicitar o seu comportamento porque fixeron unha demostración de responsabilidade e de seriedade", declarou a concelleira de Festas. "Como todo o mundo puido comprobar non houbo esa festa de peñas", nin esta fin de semana nin o anterior.
Carme Da Silva considera que "é xusto" facer esta mención á xente nova "nun momento no que tan mal o están a pasar, porque ten que ser bastante difícil para esta xente non poder celebrar cos seus amigos e amigas, non poden ir a concertos, non poden ir a festas, e aínda así deron unha demostración de responsabilidade".
"Como sociedade debemos estar orgullosas da xente nova que temos", concluíu a edil nacionalista.