A xunta de goberno do Concello de Pontevedra acaba de conceder este xoves a licenza solicitada para a construción de catro apartamentos turísticos.
O proxecto sitúase nunha parcela sen construír na rúa Irmáns Nodais, no barrio de San Roque, e contempla catro plantas e planta baixa. Esta última ten unha superficie de 56 metros cadrados. A primeira, segunda e terceira planta terán 59 metros cadrados e a cuarta planta será a de menor superficie, 53 metros cadrados.
En relación a esta licenza o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, sinalaba que "desde o noso punto de vista é o ideal, que se faga nova vivenda destinada a apartamentos turísticos en edificios exentos e que non se detraian de vivendas que están destinadas a uso habitacional".
En relación á solicitude de licenzas urbanísticas concedéronse tamén para construción dunha vivenda unifamiliar e unha piscina. Nesta mesma xunta de goberno aprobouse unha prórroga extraordinaria de seis meses para o contrato de pequenas obras de reparación e acondicionamento en viais do rural. Unha ampliación que se realiza, mentres se tramita o concurso para nova adxudicación.