O Concello de Pontevedra completa a licitación da totalidade da rede de abastecemento de Mourente

Pontevedra
25 de maio 2020

Vén de aprobar a licitación de dous novos tramos, que unidos á parte do proxecto en execución, suman un orzamento de máis de 6 millóns de euros para dar servizo ás 916 vivendas da parroquia

Traballadores da empresa Viaqua
Traballadores da empresa Viaqua / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno local do Concello de Pontevedra vén de aprobar na sesión deste luns a licitación de dous novos tramos da rede de abastecemento de auga para a parroquia de Mourente.

Anunciouno a portavoz do Goberno, Anabel Gulías, quen indicou que con estas dúas licitacións, unidas ao tramo que está actualmente en execución, completarase a rede da totalidade desta parroquia. O investimento total en Mourente ascende a 6.393.498 euros para as 916 vivendas da parroquia, cun investimento de 6.980 euros por vivenda.

Anabel Gulías sinalou que a día de hoxe, do total dos 58 millóns de euros do contrato da auga para o abastecemento no rural, están en execución 33,9 millóns de euros e en licitación aproximadamente 23 millóns. Ante estas cifras, a concelleira asegurou que "isto implica un ritmo moi bo, tanto na execución como na licitación, e podemos facer un balance moi favorable dun investimento dos maiores que se teñen feito neste Concello polo que vai supoñer en calidade de vida para o rural".

O primeiro dos tramos cuxa licitación se aprobou este luns corresponde ao proxecto 'Saída 2 do depósito de Castro Senín - parroquia de Mourente' cun orzamento de 1.470.637 euros e un prazo de execución de 12 meses. Neste tramo darase servizo a 238 vivendas, 3 naves e 2 locais comerciais, correspondentes aos lugares de O Monte, Casas Novas, San Amaro, Vilaverde, Montecelo, A Barcia, Ría de Abaixo, Santa Margarida, Cons, As Laxiñas, Valdecorvos, Moldes, Pardesó, Freixeiro e Mourente.

O segundo dos tramos licitado corresponde ao proxecto 'ETAP Lérez - parroquia de Mourente' cun orzamento de 308.629 euros e un prazo de execución de 4 meses. Dará servizo a 63 vivendas dos lugares de Monte Porreiro, Areás, Vilaverde, O Monte e Os Campos.

Estas dúas licitacións súmanse ao tramo en execución que corresponde ao proxecto 'Saída 1 do depósito de Castro Senín - parroquia de Mourente', que dá servizo a 610 vivendas e ten un orzamento de 4.614.231 euros.