A portavoz do goberno local do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, deu conta dos últimos avances no Plan de Impulso e Modernización da Administración Pública, que se puxo en marcha ao comezo deste mandato "e que está a dar moi bos resultados".
As medidas aplicadas afectan á administración electrónica, facturación, contratación e persoal e "esperamos que os cambios sexan efectivos durante este ano", dixo a edil nacionalista.
Os informes de Intervención detectaran algunhas cuestións "susceptibles de mellora" en aspectos como "a eficacia e a transparencia", polo que o equipo de goberno presentou algunhas accións para corrixilas e "mellorar a calidade organizativa do Concello de Pontevedra".
Os cambios implementados perseguen mellorar a atención á cidadanía. Segundo Anabel Gulías, trátase de "pequenas modificacións que axudan a optimizar procesos" relativos, algúns deles, aos provedores que traballan co Concello ou de persoas que están pendentes dalgún trámite.
Concretamente, en canto á administración electrónica está a traballarse na "coordinación e unificación dos diferentes departamentos" xa que ata o de agora estaba o servizo de Informática por unha banda e o de administración electrónica por outro que agora se fusionaron. "Imos evitar distorsiones e duplicidades", sinalou a portavoz municipal.
En canto ao sistema de contratación están a deseñar unha aplicación que avise da necesidade de revisión das prórrogas dos contratos na administración pública e tamén se está elaborando un calendario de planificación "e mellorando mediante reunións periódicas a coordinación entre servizos para optimizar e, sobretodo, facer máis rápidos os procesos de contratación".
Para mellorar o pago a provedores está a actuarse no rexistro de facturas coa adquisición dunha ferramenta informática para fusionar o xestor de expedientes do Concello e simplificar todo o sistema.
Finalmente, está a traballarse na "racionalización" do pago das horas extra do persoal detectando en que áreas repítense para "introducir mecanismos de corrección", ou ben, sopesando a posibilidade dunha oferta pública de emprego ou algunha outra solución "interna" que permita a "aprobación de instrucións relativas a horarios e xornadas".