O Concello de Ponte Caldelas xa ten orzamento

Ponte Caldelas
15 de marzo 2019

O Concello disporá no exercicio deste ano de case un 9% máis que no anterior

Celebración do Pleno
Celebración do Pleno

O orzamento de Ponte Caldelas para 2019 xa está en funcionamento tras a celebración neste xoves do Pleno co que se decidiu a súa aprobación definitiva, a pesar da negativa do PP.

As contas municipais soben un 8,51%, alcanzando os 3.808.523,40 euros.

No momento da exposición pública do orzamento non houbo ningunha alegación, polo que o Pleno se dirixiu a dar conta das variables que interveñen na súa elaboración e, posteriormente, a celebrar unha votación na que non houbo intervencións.

Segundo manifesta o Goberno municipal, “os investimentos teñen un claro acento social, xa que amosan un crecemento na cifra destinada ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF)”. A cantidade que se prevé para este ano é de 225.000 euros, en aumento con respecto aos 170.000 do anterior. Por outra banda, mantéñense as axudas de Emerxencia social (30.000 euros) e as dirixidas directamente á comunidade educativa (12.000 euros) e engádese unha para cursos de mellora de empregabilidade (15.000 euros).

Para rematar, Andrés Díaz, o alcalde do Concello, deu conta dun erro na contabilización da débeda municipal que se detectou durante a exposición pública do documento e que situaría a débeda real en 1.255.895 euros, en lugar dos 1.396.000 euros que se calcularan.