O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, e a presidenta da Comunidade de Montes de Baltar, Marisol Boullosa, acordaron ir da man para defender os intereses da veciñanza de Baltar e, por extensión, de todo Ponte Caldelas
O alcalde de Ponte Caldelas manifestou que "defenderemos o noso monte, a natureza, o patrimonio, as augas e o benestar dos nosos veciños".
O Concello ten xa elaborado o informe desfavorable da técnica de Medio Ambiente e estase a elaborar tamén o informe desfavorable do técnico municipal de Urbanismo. Ambos informes son imprescindibles para acudir a un proceso xudicial no caso de que a Xunta de Galicia autorice o parque eólico Serra da Fracha.
No caso do parque eólico Serra da Fracha o Concello sostén que hai unha "clara afección sobre os recursos hídricos (mananciais e captacións de auga), perda do valor dos terreos, afeccións á saúde, afeccións graves á flora, fauna, biodiversidade e paisaxe, perdas para as economías familias e reducción do turismo, ataque ó patrimonio arqueolóxico, arquitectónico, cultural e inmaterial, entre outras".
Díaz asegurou que "Ponte Caldelas loitará para preservar intacto o seu territorio e o futuro dos nosos fillos".