O Concello de Poio xestionará a illa de Tambo a partir de marzo de 2022

Poio
21 de decembro 2021

En virtude deste acordo co Ministerio de Defensa o Concello comprométese á protección e conservación dos  bines culturais, arqueolóxicos e ambientais de todo este espazo así como á autorización e vixilancia das actividades lúdico-turísticas, de visita e investigación

Gregorio Agís e Pedro Donato
Gregorio Agís e Pedro Donato / PontevedraViva

O Concello de Poio pasará a xestionar Tambo a partir do 1 de marzo de 2022 cando a administración local asuma as competencias sobre esta illa situada no fondo da ría de Pontevedra, nun réxime de concesión demanial por un período transitorio de 25 anos, prorrogable a 75.

O concelleiro de Promoción Económica e presidente da Comisión de Seguimento de Tambo, Gregorio Agís, e o xefe dá Área de Patrimonio da Subdelegación de Defensa en Pontevedra, o capitán de fragata Pedro Donato, presentaron este martes o prego que permitirá a concesión demanial da illa de Tambo para o Concello de Poio.

Gregorio Agís explicou que, para o Goberno Local, "o obxectivo é que en 5 anos pase a ser definitivo" o traspaso deste territorio de 28 hectáreas.

A concesión establece un canon anual de 25.000 euros que ten como fin garantir os investimentos na illa. Agís sinalou que os labores de mantemento deste enclave xa "xeran uns gastos que exceden de maneira significativa a cantidade establecida no canon" polo que, na práctica, non será necesario o seu pago a Defensa.

O Concello de Poio xa contempla no seu orzamento para o próximo ano unha partida destinada a investimentos en Tambo "temos que estar á altura deste reto", valorou o edil.

A illa conta con dúas praias (Area da Illa e Adreira), o pequeno faro de Tenlo, o lazareto de 1886, a polvoreira, a antiga residencia de oficiais e a capela de San Miguel (século XVI).

En virtude deste acordo co Ministerio de Defensa o Concello comprométese á protección e conservación dos bines culturais, arqueolóxicos e ambientais de todo este espazo así como á autorización e vixilancia das actividades lúdico-turísticas, de visita e investigación.

Gregorio Agís adiantou que os próximos pasos que dará o Concellos son solicitar que Tambo sexa catalogado como Espazo Natural de Interese Local ( ENIL) e redactará un Plan estratéxico e un Plan de usos "ben definido e ambicioso" para o futuro desta illa que ten "un gran valor histórico e sentimental para Poio".

Se as previsións cúmprense, o próximo mes de maio empezarán as visitas a Tambo unha vez que o Concello arrombe o enclave para garantir a seguridade das persoas "e a integridade da propia illa". 

Para visitar Tambo "vai ser necesario solicitar autorización" para poder acceder, sempre en grupos reducidos.

 

Arquivado en