O Concello de Poio vixía que ninguén se quede sen acceso á educación por falta de recursos

Poio
07 de abril 2020

O goberno local do Concello de Poio asegura que está "moi pendente de que ningún neno ou nena quede sen atender"

Unha aula baleira
Unha aula baleira

O goberno local do Concello de Poio asegura que está "moi pendente de que ningún neno ou nena quede sen atender".

Nun comunicado o tripartito (BNG, PSOE e Avante Poio) di que "velará porque ninguén se quede sen acceso á educación por falta de recursos", sinalan os dirixentes.

A concelleira de Educación, Raquel Rodríguez, permanece en contacto de xeito regular coas direccións dos diferentes centros educativos de Poio, para poder dar resposta de primeira man a posibles necesidades e situacións que se produzan mentres dure o estado de alarma. A coordinación tamén se establece co departamento de Servizos Sociais.

Rodríguez Alonso agradece a implicación das direccións, así como do profesorado, á hora de garantir o traslado de tarefas aos estudantes a través de blogs en Internet ou correos electrónicos. "Temos que estar preparados, porque non sabemos por canto tempo máis se vai prolongar este estado de alarma, polo que o Concello continuará moi pendente das necesidades da comunidade escolar", concluíu, á vez que salientou o "bo funcionamento" desta metodoloxía.

Neste sentido, Raquel Rodríguez entende que "tamén hai que poñer en valor o esforzo que están a realizar os cativos".

PETICIÓN Á XUNTA

A Comisión de Seguimento do Covid-19 acordou na sesión celebrada o pasado luns enviar unha instancia á Xunta de Galicia para que se implique na dotación a tecido educativo do material que a comunidade escolar precise, así como ao establecemento de "directrices claras" para garantir que todo o alumnado está en condicións de realizar as súas tarefas mentres se manteña o confinamento actual e o estado de alarma.

Ademais, a entidade local entende que a Administración autonómica debe aplicar estas medidas a partir do vindeiro 12 de abril, cando rematen as vacacións de Semana Santa.