O Concello de Poio reparte 62.000 euros en axudas para dez eventos lúdicos

Poio
12 de xuño 2023

O reparto das axudas, que cobren un máximo do 50% dos custes da organización de actividades e festas patronais, parroquiais, gastronómicas ou festivais, seguiu o réxime de concorrencia competitiva e contou cun orzamento de máis de 62.000 euros

Festas da Saleta, en Raxó
Festas da Saleta, en Raxó

Un total de dez eventos de carácter lúdico contarán cunha subvención obtida a través da liña de axudas promovida desde a Concellería de Festexos do Concello de Poio para a realización deste tipo de actividades, entre as que se inclúen festas patronais, parroquiais, gastronómicas ou festivais. 

O reparto destas achegas, aprobado pola Xunta de Goberno Local, seguiuse a través dun réxime de concorrencia competitiva.

En total foron 62.500 euros os destinados polo Concello a esta iniciativa. 

O listado de eventos pódese consultar na Sede Electrónica e son os seguintes: a XL Semana Cultural Aires de Cultura, organizada polo Ateneo Corredoira, a IX Oktoberfest (ACD Campelo), Festa da Fátima (Comisión de Festas de Campelo), Festas do Carme e de San Roque (Comisión de Festas do Carme de Combarro), Festas de San Antón, do Carme e das Dores (ACD Andaina de Samieira), Festas de San Gregorio e da Saleta (Asociación Cultural Festas de Raxó) e Festas de San Salvador (Asociación Cultural Viñas de San Salvador). O reparto das contías oscilan entre os 2.300 e os 9.500 euros, aproximadamente. 

Os detalles pódense consultar no Portal de Transparencia, no apartado Axudas e Subvencións.

Para poder optar a esta liña de axudas, os colectivos e entidades solicitantes deben carecer de fins de lucro e estar inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións, mantendo os seus datos debidamente actualizados. O período de realización destas citas lúdicas subvencionadas vai desde o pasado 11 de novembro de 2022 ata o 10 de novembro de 2023. 

Á hora de valorar as propostas, dentro da concorrencia competitiva, tivéronse en conta criterios como a programación do evento (número de actuacións musicais profesionais ou de grupos folclóricos, accesibilidade, respecto polo medio ambiente), o fomento do equilibrio de xénero, da igualdade e do patrimonio inmaterial, así como o orzamento total subvencionable. 

A través desta liña de axudas pódese cubrir como máximo o 50% dos custes da organización de cada evento.