O peche de sucursais bancarias de Abanca en pequenos núcleos segue motivando reaccións por parte das administracións locais afectadas. No caso do Concello de Poio, a primeira das accións terá lugar a próxima semana. O goberno local leva unha moción na que se deixa constancia do seu rexeitamento ao pecheda oficina bancaria en Campelo e avoga, non só polo seu mantemento senón polo aumento dos servizos á cidadanía.
A Xunta de Portavoces celebrada este venres avanzou ademais outras accións como é a retirada dos fondos e a cancelación das contas que o Concello ten con Abanca. De igual forma iniciarase unha campaña informativa entre as asociacións de Poio para que esa mesma medida "se faga de forma conxunta".
Tamén contactarán con outras entidades bancarias para que se preste este servizo que agora periga en Campelo. Solicitarán á FEGAMP unha reunión cos concellos afectados por esta mesma decisión e trasladarán á Xunta, Parlamento galego e Abanca a oposición deste Concello ao peche da sucursal.
Finalmente, advirten que están dispostos a emprender as accións de protesta que sexan necesarias para frear a desaparición desta oficina bancaria en setembro.