O Concello de Poio consensúa co sector o novo Plan de Sostibilidade Turística

Poio
01 de marzo 2023

A tenente de alcalde e responsable da área Silvia Díaz mantivo unha reunión con profesionais turísticos para establecer unha proposta "o máis consensuada posible", que permita a obtención de fondos europeos 'Next Generation'

Reunión para consensuar co sector o novo Plan de Sostibilidade Turística
Reunión para consensuar co sector o novo Plan de Sostibilidade Turística / Concello de Poio

A tenente de alcalde e responsable de Turismo no Concello de Poio, Silvia Díaz, participou este mércores nunha reunión convocada no Casal de Ferreirós, á que asistiron profesionais do sector, para avanzar na elaboración do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos. 

Este documento permitirá acceder á consecución de fondos europeos Next Generation. 

Díaz avanzou ante as persoas asistentes as liñas estratéxicas do documento, ao tempo que garantiu que tamén se terán en conta as achegas que realicen os profesionais.

"Nesta convocatoria priorízanse destinos que conten con casco histórico e tamén o turismo azul", explicou a concelleira, que ten claro que ambos requisitos "encaixan perfectamente do noso destino turístico". 

A tenente de alcalde salientou a necesidade de que este plan sexa un documento "o máis consensuado e participativo posible", de aí que desde a Concellería de Turismo se deseñase unha enquisa para o sector para "coñecer a súa percepción sobre o noso destino e incluír as súas suxestións e propostas".

Tal e como se detallou durante a exposición do documento, Poio solicitará uns 2 millóns de euros, que poden chegar a través das dúas liñas que integran esta convocatoria, correspondente ás anualidades 2024 - 2026: o Plan Territorial, da Xunta de Galicia, e o Estatal, dependente do Goberno central. O primeiro deles é o que cubriría actuacións a realizar nos núcleos históricos, mentres que o segundo céntrase no turismo azul. 

A responsable de Turismo lembra que a través desta liña de axudas de fondos europeos pódense financiar diferentes actuacións vencelladas á mellora da mobilidade, rehabilitación e reparación de sendas ou miradoiros, creación de aparcadoiros disuasorios, nova sinalización intelixente ou a accesibilidade ás praias, entre outras opcións. Precisamente, unha das actuacións que se pretende impulsar con este fondos é habilitar unha liña de transporte marítimo, mediante o uso de embarcación eléctrica, entre Raxó e Pontevedra, con escala en Covelo, Combarro, Campelo e Tambo. 

CERTIFICADO DE CALIDADE DO SICTED

Ademais desta reunión informativa, o Casal de Ferreirós tamén acolleu este mércores a última das xornadas de adhesión ao Plan e Certificado de Calidade do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED). A Deputación de Pontevedra e o organismo provincial Turismo Rías Baixas financian os proxectos ao abeiro desta liña, cos que se busca reforzar a competitividade do sector e, ao mesmo tempo, recoñécese o esforzo e compromiso coa calidade e mellora continuas.