O Pleno do Concello de Poio celebrado este martes deu conta das alegacións elaboradas conxuntamente polos grupos da corporación en contra da instalación dun parque eólico no Monte Castrove.
No documento recóllense as afeccións a humidais ou turberas, así como o impacto que tería sobre o medio e na poboación da zona. Argumentan que a proximidade destes parques aos núcleos de poboación sería "moi prexudicial para a calidade de vida da veciñanza da contorna".
Ademais, tamén analizan as repercusións negativas que tería para a economía local, o impacto nos montes comunais e a súa paisaxe, así como a contaminación acústica e electromagnética dos eólicos.
FACTURAS SEN PAGAR
A corporación municipal aprobou hoxe, cos votos favorables do PP e as abstencións de PSOE e BNG, destinar 359.189,24 euros do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra para pagar as facturas pendentes de 2023 e sanear as débedas con preto de 90 provedores.
Segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, "inclúense facturas que quedaron sen pagar do anterior mandato e tamén do último semestre do ano que non se puideron abonar antes por estar o orzamento esgotado desde o mes de maio".
Dende o BNG criticaron "as incoherencias e continuos enredos do PP de Poio", por aprobar un recoñecemento extraxudicial de facturas "onde 100.000 euros foron para festas que se fixeron sen partida orzamentaria, e o resto da partida de facturas, un total de 345.472 foron emitidas e encargadas polo goberno de Moldes. Só 13.000 euros pertencen ao anterior mandato".
PORTO DE RAXÓ
Neste Pleno tamén foi aprobada a addenda ao convenio de colaboración entre Portos e o Concello para completar a humanización do acceso ao porto de Raxó e atender así as novas necesidades xurdidas durante o desenvolvemento das obras.
Contou cos votos a favor de PP, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE.
COMBARRO
Por último, aprobouse a suspensión de outorgamento de licencias de parcelación, edificación e demolición na área afectada polo Plan Especial de ordenación portuaria de Combarro, que terá unha duración máxima de dous anos e, en calquera caso, extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.