O Concello de Poio agarda polo visto bo dos técnicos para asinar o convenio do porto de Raxó

Poio
09 de agosto 2022

O convenio para a humanización do porto de Raxó está a ser revisado polos técnicos do Concello de Poio. "Unha vez se constate que está todo en orde, procederase á súa sinatura", asegurou o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís

Porto e núcleo de vivendas en Raxó (Poio)
Porto e núcleo de vivendas en Raxó (Poio) / Mónica Patxot

O convenio para a humanización do porto de Raxó está a ser revisado polos técnicos do Concello de Poio. "Unha vez se constate que está todo en orde, procederase á súa sinatura", asegurou o concelleiro de Urbanismo, Gregorio Agís.

O edil socialista lembrou que "o Concello é o primeiro interesado en sacar cara diante unha actuación que da resposta a unha demanda histórica" polo que amosou a súa "sorpresa" polas "presas repentinas" do grupo local do Partido Popular que "durante 12 anos dedicouse a poñer pedras no camiño para torpedear o proxecto, antepoñendo os seus intereses políticos aos da veciñanza de Raxó".

Os populares denunciaron estes días que Portos de Galicia "segue a esperar a que o Tripartito lle devolva o convenio asinado para iniciar a licitación das obras" o que para o PP significaba que "BNG, PSOE e Avante Poio non teñen ningún interés por que se leve a cabo a humanización de Raxó" ou ben que é "unha estratexia" para "retrasar a obra porque lles molesta que a Xunta invista en Raxó".

O PP advirtiu que "se o o convenio non está asinado nos próximos días convocaremos aos colectivos de Raxó para darlles información e documentación de como o Tripartito bloquea unha actuación histórica e beneficiosa para a veciñanza e a economía de Raxó".