O Concello de Moraña vén de habilitar unha partida de 100.000 euros destinada á concesión de axudas económicas directas para autónomos, microempresas e pemes do municipio co obxectivo de paliar os graves efectos socioeconómicos causados nos seus negocios e actividades pola crise sanitaria do coronavirus.
Esta medida foi aprobada pola alcaldesa, Luisa Piñeiro, tras deseñala nas últimas semanas co goberno local e os servizos técnicos municipais e presentala en comisión aos grupos da oposición, que, segundo o Concello, as percibiron positivamente.
As bases destas subvencións contemplan a concesión dunha axuda de 900 euros a todos os autónomos e pemes que se viran obrigados ao peche do seu negocio como consecuencia do Estado de Alarma, e outra de 400 euros para aqueles que no mes anterior á solicitude desta subvención viran reducida a súa facturación en alomenos un 50% con respecto á do semestre natural precedente.
Con estas axudas "pretendemos outorgar liquidez ás nosas empresas e autónomos, favorecer o cumprimento das súas obrigas e axudar a manter a actividade e o emprego, que son aspectos que consideramos fundamentais para soster o dinamismo do municipio e impulsar a reactivación", explicou a rexedora.
En canto as bases de concesión das axudas e o modelo de solicitude estarán colgados na páxina web oficial do Concello www.morana.orge as peticións deberán cursarse nun prazo máximo de 20 días dende a publicación deste acordo no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
A presentación terá que producirse de xeito telemático a través da sede electrónica aínda que, no caso das persoas físicas (autónomos), poderán facelo presencialmente no rexistro xeral do consistorio de Moraña.