O Concello de Marín intervén nun dos muros que sostén unha pasarela peonil sobre o río Lameira

Marín
02 de novembro 2022

Esta estrutura que se utiliza para acceder ás instalacións educativas e deportivas do Sequelo presenta problemas debido ao efecto da auga e ás raíces dunha árbore

Obras para reparar unha pasarela sobre o río Lameira en Marín
Obras para reparar unha pasarela sobre o río Lameira en Marín / Concello de Marín

O Concello de Marín iniciou este mércores as obras de reforzo dun dos muros do río Lameira.

Tal e como se pode ler na memoria de necesidade desta actuación, para o acceso ás instalacións educativas e deportivas do Sequelo, emprégase unha pasarela sobre o cauce deste río que, na actualidade, nunha das súas aletas, presenta desperfectos producidos polo efecto da auga e das raíces dunha árbore.

Por tanto, o goberno local, de xeito preventivo para evitar posibles derrubamentos, comezou coa desmontaxe e retirada do muro que conforma a aleta existente, para así levar a cabo a excavación necesaria de cara á reconstrución da estrutura.

O novo muro será de 12 metros de lonxitude e de 1,90 metros de altura, realizado con pedra do país e reutilizando, na medida do posible, a pedra xa existente, para respectar a integración paisaxística do muro na contorna.