O Concello de Marín aumentará o importe das axudas ás oenegués do municipio

Marín
14 de setembro 2020

O obxectivo do goberno local é cubrir a subida de xestos destes colectivos derivada dun maior número de usuarios como consecuencia da crise económica da pandemia da Covid-19

Reunión da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o seu equipo de goberno con representantes das oenegués do municipio
Reunión da alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o seu equipo de goberno con representantes das oenegués do municipio / Concello de Marín

O Salón de Plenos do Concello de Marín acolleu este luns o encontro mantido entre a alcaldesa María Ramallo, acompañada polas concelleiras Marián Sanmartín e Mónica Viqueira; con representantes das oenegués do municipio e técnicos do CIM e Servizos Sociais para avaliar a situación actual do labor asistencial que estes colectivos prestan na vila.

"Todas as asociacións apuntan a un aumento do número de familias que atenden, incluso algunhas veñen desde Pontevedra", sostén Sanmartín. Por iso, o goberno local aumentará a axuda económica que facilita cada ano a estas colectivas para as campaña de inverno e Nadal coa intención de sufragar o aumento de usuarios destas oenegués.

Doutra banda, ambas as partes decidiron suspender a clásica venda de rifas e adaptar a campaña de recollida de alimentos que cada inverno realizan nos centros escolares de forma conxunta.

No lado positivo está a boa acollida do plan de axuda social para mulleres vítimas de violencia machista con dificultades para afrontar os gastos de primeira necesidade. Dotada con 5.000 euros esta liña de axudas serviu para prestar atención a preto dun centenar de casos.