O Concello de Cuntis defende a súa xestión na área de deportes

Umia
30 de abril 2018

A concelleira de deportes no Concello de Cuntis, Conchy Campos, defendeu a xestión do goberno municipal nesta área fronte ás críticas da oposición

Estadio da Canteiras en Cuntis
Estadio da Canteiras en Cuntis / Concello de Cuntis

A concelleira de deportes no Concello de Cuntis, Conchy Campos, defendeu a xestión do goberno municipal nesta área fronte ás críticas da oposición.

A concelleira lembrou que o goberno local planificou aquelas actuacións que eran máis urxentes para empezar a actuar. Así se melloraron as pistas das Canteiras, as casetas auxiliares e o pintado de bancadas. Logo seguiulle o pavillón municipal coa instalación dunha caldeira de biomasa, o arranxo da fachada e do chan do ximnasio.

Ademais de sinalar as "melloras continuas en mantemento das infraestruturas", a concelleira socialista, destacou a redacción dunha ordenanza que regula o uso das instalacións deportivas e a firma de convenios de utilización cos clubs e concellos veciños para compartir gastos de mantemento.

Igualmente, Conchy Campos citou o apoio do concello ao Rally Cuntis Vila Termal, á Carreira de Rolos, ao Campionato de España de Marcha ou as colaboracións económicas coas entidades deportivas BTT Xesteiras, a creación de rutas de sendeirismo e dos clubs de baloncesto, bádminton, ximnasia de mantemento ou o impulso dado ás actividades de natación na piscina municipal.

Son máis de 30.500 euros dedicados directamente ás entidades deportivas do municipio ademais dos gastos propios de mantemento das instalacións que asume directamente o Concello.

De cara ao futuro, o goberno local mantivo a semana pasada unha reunión co club Atlético de Cuntis para realizar obras de mantemento do campo da Ran e tamén traballa para municipalizar a xestión de apertura de todas as instalacións municipais.