O Concello de Cerdedo-Cotobade inicia en Quireza un plan de investimentos para a rehabilitación dos principais parques infantís do municipio ao que se destinarán uns 78.650 euros en 19 zonas de xogo habilitadas por todo o territorio.
O obxectivo desta iniciativa municipal é a conformación progresiva dun completo sistema de parques infantís de xogo que cumpran na súa totalidade os parámetros de calidade e seguridade da Unión Europea nesta materia.
Así, un total de 19 parques infantís serán sometidos a unha operación de carenado integral co obxectivo de garantir o mellor nivel de seguridade e condicións de uso no contexto da situación xerada pola pandemia da covid-19. Tamén se pretende fortalecer mediante a dotación e conservación de equipamentos e servizos de primeira calidade a capacidade de atracción de poboación cara ao concello de Cerdedo- Cotobade.
Segundo defendeu o alcalde, Jorge Cubela, “as zonas de xogo representan un papel esencial no desenvolvemento da infancia xa que axudan á inclusión, ao fortalecemento saudable, animan aos nenos e nenas a mellorar a forma física, nelas aprenden a través do xogo a interactuar socialmente e a aumentar o seu desenvolvemento cognitivo a través da relación co medio ambiente e nos diversos xogos”.
A primeira das intervencións previstas nos parques infantís centrouse en Quireza para proseguir por Cerdedo, Tomonde, Figueroa, Vilarchán e Cuíña para logo desprazarse polo territorio de Cotobade. En Quireza, onde o parque infantil se atopaba nun baixo grao de conservación, realizouse unha limpeza en profundidade dos xogos e do pavimento con hidrolimpadora a presión, repuxéronse dous postes de columpio e pintouse a zona metálica.
Tamén se procedeu a retirar o peche perimetral porque estaba moi deteriorado e constriuíuse unha nova zona de caucho bordeando todo o parque para garantir a seguridade dos cativos. Para elo tamén se realizou unha revisión, axuste e substitución do parafusame deteriorado e se levou a cabo a reposición de tapóns de seguridade no columpio e nos resortes.
Outra das actuación levadas a cabo no parque infantil de Quireza foi a reparación de grietas existentes no pavimento amortiguador e do valado perimetral de aceiro multicolor. Ademais, aplicouse unha solución desinfectante especialmente indicada para combater a covid-19.