O Concello de Caldas critica a eliminación de docentes e unha unidade de Infantil no CEIP San Clemente

Umia
30 de agosto 2024

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, considera que “a calidade educativa vaise ver necesariamente resentida”

Visita do concelleiro Manuel Fariña ao CEIP de San Clemente
Visita do concelleiro Manuel Fariña ao CEIP de San Clemente / Concello de Caldas de Reis

O tenente de alcalde en Caldas de Reis, Manuel Fariña, carga críticas contra a Xunta, e concretamente contra a Consellería de Educación, pola eliminación no CEIP San Clemente dunha unidade de Infantil e dous docentes.

Dada a circunstancia este próximo curso, argumenta, farase un agrupamento de escolares de tres e catro anos dada a perda de matrículas que había sobre o curso anterior "e tamén un recorte de polo menos dous mestres e mestras e por tanto menos atención especializada", circunstancia que cualifica de "especialmente grave se temos en conta que non lles foi comunicado ás familias do alumnado".

O representante nacionalista no Concello de Caldas incide na repercusión negativa na calidade educativa e expón que "non se pode aceptar que desde a Xunta vexan ao alumnado coma se fosen simples números, que enchan unha clase ata o máximo permitido por lei e xa está", "é máis efectivo e préstase mellor atención nunha aula con menos alumnos e alumnas que nunha aula, sobre todo cando se dan casos con necesidades específicas".

Na súa opinión esta circunstancia debería ser "unha oportunidade de baixar as cocientes de escolares por aula e mellorar a calidade do ensino público en Caldas. Con todo o PP non atende unha vez máis ás circunstancias e aproveita para facer recortes".