O Concello de Caldas critica a eliminación da terceira unidade de educación infantil no CEIP San Clemente

Umia
08 de setembro 2024

Esta medida adoptada pola Xunta de Galicia afectará a todo o alumnado de Educación Infantil do centro, que serán redistribuídos en dúas unidades

Manuel Fariña e Juan Manuel Rey
Manuel Fariña e Juan Manuel Rey / Concello de Caldas de Reis

O Concello de Caldas de Reis manifesta o seu rexeitamento á decisión da Xunta de Galicia de eliminar a terceira unidade de educación infantil no CEIP San Clemente.

Esta medida afectará a todo o alumnado de Educación Infantil do centro, que serán redistribuídos en dúas unidades.

Segundo informa o Concello, esta reorganización superará o límite de 26 matrículas establecido pola normativa da Xunta para centros con dúas aulas agrupadas de Educación Infantil.

O CEIP San Clemente conta actualmente con 29 matrículas a efectos de cómputo.

O tenente de alcalde, Manuel Fariña, cualificou a decisión como "política sen xustificación técnica", afirmando que "compromete a calidade educativa" nun centro recoñecido pola súa excelencia.

Fariña asegurou que o Concello apoiará ás familias afectadas para manter a terceira unidade.

Pola súa parte, o alcalde Juan Manuel Rey reafirmou o apoio do Concello ás familias e instou á Xunta a reconsiderar a súa decisión.

Rey criticou tamén a falta de información previa ás familias e ao Concello sobre esta medida.

O goberno local considera esta acción como parte dun "desmantelamento da educación pública, especialmente nas zonas rurais" e promete estudar todas as vías posibles para reverter a situación.