"O Concello de Caldas cumpre escrupulosa e literalmente co convenio asinado en 2022".
Son palabras de Manuel Fariña, alcalde en funcións de Caldas de Reis, saíndo ao paso das acusacións da Xunta de Galicia de non cumprir a súa parte do convenio para a ampliación do IES Aquis Celenis, ocasionando o atraso na remodelación.
Asegura Fariña que o goberno galego busca xustificacións para o atraso na demandada renovación do centro educativo, e acúsalles de "sacar da manga novas esixencias" para o Concello.
Segundo o edil e alcalde en funcións os requirimentos aos que se refire a Xunta na carta remitida, a posta ao dispor dunha parcela lindeira que se destinará a aparcamento, "nunca foron trasladadas ao goberno local por ningunha vía", defendendo que "todo canto se nos solicitou, xestionouse".
Explican desde a administración local que presentaron á Xunta "hai tempo" o anteproxecto do aparcamento disuasorio e dos accesos polo lado este coa fin de obter os permisos sectoriais ao estar ao lado do río. Con todo, acusan o goberno autonómico de non ter realizado os informes necesarios para materializar as expropiacións.
"O Concello fixo o que lle correspondía, non é quen está parado. É a Xunta quen debe mover ficha e poñerse a traballar", afirma Manuel Fariña revelando ademais que o Concello ofreceu a Educación as instalacións da Escola Municipal de Música e o Auditorio Municipal para recolocar o alumnado durante as obras sen recibir contestación.
"Estamos de acordo en que as aulas móbiles das que fala a Consellería poderían ser a mellor solución, como foron no Valle-Inclán en Pontevedra, pero en ningún momento se pediu ao Concello que xestionase a dispoñibilidade da parcela", conclúe o alcalde en funcións pedindo que se convoque a comisión de seguimento do convenio para aclarar estes puntos.