O Concello de Bueu presenta a programación polo 25N

Bueu
19 de novembro 2022

Os actos centrais terán lugar o venres 25 de novembro, cunha concentración e declaración institucional, unha performance e a proxección dun filme

"Papagena", de ButacaZero
"Papagena", de ButacaZero / ButacaZero

O Concello de Bueu, a través da concellaría de igualdade, presenta a programación polo 25N, o Día Internacional Contra as Violencias Machistas, que estará moi centrada na sensibilización e de aí que se conte con accións nos centros educativos. 

Ana Isabel Otero, concelleira da área, apunta que "como xa vimos facendo ao longo dos últimos anos, cremos que é importante concienciar dende as idades máis temperás, e por iso teremos obradoiros tanto para primaria como secundaria".

Os obradoiros propostos son un contacontos feminista para infantil e primaria, do que poderá gozar o alumnado do Ceip Plurilingüe Torre Cela, Ceip Plurilingüe A Pedra, Ceip Plurilingüe Montemogos e CPR Virxe Milagrosa, mentres que os centros de secundaria, concretamente o IES Illa de Ons e o IES Johan Carballeira, terán a performance “A última cea”.

A programación arrancará xa esta fin de semana, coa ópera contemporánea “Papagena” de ButacaZero. Esta ópera electrónica en galego con perspectiva de xénero narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica que está inspirada nas persoas – paxaro da célebre "A frauta máxica", de Mozart. 

O 25 de novembro, a Praza Massó acollerá ás 12 horas unha concentración en repulsa das violencias machistas na que tamén se lerá o manifesto institucional con motivo desta data, que se centrará na reclamación de máis fondos para os Centros de Informacións ás Mulleres, posto que son o recurso primeiro que teñen moitas mulleres vítimas de violencias machistas. 

A continuación, ás 12.30 horas, está programada a performance “A última cea”, tamén na Praza Massó, aínda que se chove as actividades se trasladarán ao Centro Social do Mar. 

Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, o Cineclub Bueu tamén colabora coa programación desta data, e proxectará o mesmo venres ás 21.00 horas o filme “Unha moza prometedora”, que se poderá ver no Centro Social do Mar con entrada de balde ata completar capacidade. 

 

Arquivado en