A corporación municipal de Bueu celebrou este xoves, 7 de abril, unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobou inicialmente o Orzamento Xeral do Concello correspondente ao ano 2022 e que ascende a 6,9 millones de euros, ademais do cadro e anexo de persoal.
A proposta contou cos votos a favor do grupo de goberno (BNG e ACB), a abstención do PP e a ausencia do PSOE.
Félix Juncal, alcalde da vila, destacou "a liquidación do exercicio 2021 e o remanente de tesourería positivo, o que fai que o Concello goce dunha boa saúde financeira, pois atrás quedaron os tempos escuros, de déficit orzamentario consciente, de débeda galopante, de caos e de falta de xestión".
O rexedor tamén sinalou que "a pesar do incremento dos gastos, o Concello é capaz de resistir e non incrementar a presión fiscal sobre as persoas contribuíntes, o que é froito dun gran traballo de xestión dos últimos anos".
Estes orzamentos recollen, así mesmo, a novidade de que inclúen un incremento de 180.000 euros en persoal, derivados da aplicación da recentemente aprobada Relación de Postos de Traballo (RPT). Grazas a iso, cumprirase co compromiso de mellorar as condicións retributivas do persoal municipal, que é posible sen incrementar os impostos municipais, tal e como xa se anticipara dende o goberno local.
O pleno tamén sacou adiante por unanimidade de toda a corporación a proposta de modificación da ordenanza fiscal nº 5 reguladora do Imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana. Esta actualización vén imposta por unha sentenza do Tribunal Constitucional, e o texto substitúe as porcentaxes anuais que había no anterior texto por uns coeficientes máximos en función do número de anos transcorridos dende a adquisición do terreo.