O Goberno de Barro executará de aquí a final de ano catro novos proxectos que a Xunta de goberno local vén de adxudicar por unha contía total de 210.739 euros.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fdz. Abraldes, afirma que "estes proxectos van aumentar a seguridade viaria dos nosos viais e van mellorar notablemente a circulación e os accesos a estes núcleos".
Así mesmo, Abraldes agracede a colaboración veciñal de todas as persoas que ceden os seus terreos para poder aumentar os viais, xa que "sen a súa contribución sería imposible poder levar a cabo todas as melloras que estamos realizando na rede viaria municipal. Para estes catro proxectos contamos coa cesión de 19 parcelas, e iso é algo que nunca cansarei de agradecer".
Un destes proxectos de ampliación executarase no lugar do Concello e consitirá na construción de muros de contención e na ampliación do vial nun tramo de máis de 200 metros nunha zona estreita na que a diario circulan un gran número de vehículos. O orzamento base para este traballo é de 95.491 euros e será executado pola empresa Construcións Vale S.L. por ser a que presentou a mellor oferta. O financiamento destes traballos será exclusivamente con fondos propios municipais.
Os tres proxectos restantes serán financiados con cargo Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra. Un deles, consistente no reforzo e ampliación de pavimentos, conta cun orzamento de 21.564 euros e será executado pola empresa E.C. Casas por ser a que presentou a mellor oferta. Con este proxecto actuarase en varios lugares das parroquias de Agudelo, A Portela e Barro.
No lugar de Bretoña executarase outro dos proxectos de mellora da seguridade viaria, que consistirá na construción de muros de contención e no retranqueo de peches existentes, o que permitirá anchear a pista para ter maior seguridade e unha mellor circulación. O orzamento base para este traballo é de 46.445 euros e será executado pola empresa Trasportes e cantería Antonio S.L., por ser a que presentou a mellor oferta.
Outra das actuacións de ampliación será lugar no Pazo e consitirá na construción de muros de contención e na ampliación do vial ao longo de máis de 180 metros. Ademais, tamén se remodelará o espazo da fonte do lugar. O orzamento para este proxecto é de 47.238 euros e foi adxudicado á empresa Transportes e cantería Antonio S.L., por ser tamén a mellor oferta das presentadas.