O Concello de Barro e varios colectivos veciñais veñen de anunciar que presentará alegacións ao proxecto do parque eólico previsto para o monte Castrove.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, encargoulle aos distintos departamentos técnicos municipais o estudo da declaración de impacto ambiental e da solicitude de autorización administrativa previa enviadas por parte da Dirección territorial de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
Este proxecto contempla a construción de catro aeroxeneradores dunha altura de 200 metros cada un e unha liña de evacuación de alta tensión para transportar a enerxía eléctrica producida ata a subestación do polígono de Outeda.
Alertan dende o Concello que esta liña de alta tensión produciría "un enorme impacto na parroquia de Curro, afectando a distintos núcleos de poboación". Para evitar esas afeccións á veciñanza, Abraldes convocará aos portavoces de todos os grupos políticos, co obxectivo de facer unha fronte común e acordar o rexeitamento unánime contra esta liña de alta tensión proposta neste proxecto.
Tamén a Asociación Petón do Lobo e a Plataforma "Non ao Parque Eólico do Castrove" estan sumando apoios para presentar alegacións entre a veciñanza de Poio, Meis, Barro e Pontevedra.
Este xoves, 6 de xuño, o proxecto do parque eólico do Castrove foi publicado no DOG polo que se inicia o prazo legal de alegacións de 30 días naturais.