O Concello de Barro asumirá a titularidade das infraestruturas do polígono empresarial

Barro
18 de xaneiro 2019

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, asinaron este venres, no Pazo Provincial, un convenio interadministrativo para a xestión, conservación e mantemento dos servizos xerais de saneamento de augas residuais e de abastecemento de auga do Polígono

Sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello de Barro
Sinatura do convenio entre a Deputación e o Concello de Barro / Deputación de Pontevedra

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, asinaron este venres, no Pazo Provincial, un convenio interadministrativo para a xestión, conservación e mantemento dos servizos xerais de saneamento de augas residuais e de abastecemento de auga do Polígono de Barro.

Na actualidade, contan con parcelas no Polígono de Barro, empresas como Distribucións Froiz, Caenor, EDF Solar, Gasóleos Xeve, Gescogra, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Frutas Moncho, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, Balvalen, Áridos de Curro, TC Group Atlántico e Estación de Servizo Low Cost.

Ademais das parcelas de solo industrial, o polígono tamén inclúe un centro de servizos de apoio empresarial e o viveiro de empresas da Deputación.

O alcalde de Barro expuxo que o convenio hoxe asinado é unha aposta máis para que o Polígono siga medrando "un polígono vivo, máis autofinanciable, para poder crear máis emprego e para poder xerar máis actividade económica".

A partir deste intre, a Deputación seguirá con estas funcións de conservación e explotación ata o 30 de xuño de 2019.

Dende esa data, o Concello de Barro asume a titularidade das infraestruturas, así como as tarefas de conservación e explotación das mesmas, así como tamén das obras de urbanización realizadas. Fíxase tamén que o Goberno provincial colaborará co Concello de Barro na elaboración das ordenanzas fiscais necesarias para o cobro da subministración da auga e o saneamento do polígono.

Dende a Deputación achegarase ademais toda a documentación técnica e administrativa correspondente a todas as infraestruturas, así como se prestará toda a asistencia técnica necesaria en aras a un correcto funcionamento dos servizos de abastecemento e de saneamento.