O Concello dará luz verde á reforma do Parque Maruja Mallo

Pontevedra
01 de novembro 2021

A Xunta de Goberno dará o martes luz verde á contratación do proxecto de mellora paisaxística e da seguridade do Parque Maruja Mallo

Proxecto de reforma do Parque Maruja Mallo
Proxecto de reforma do Parque Maruja Mallo

A Xunta de Goberno Local aprobará este martes o expediente de contratación do proxecto de reforma integral das zonas verdes e deportivas do Parque Maruja Mallo, situado entre as rúas Diego Sarmiento Acuña, Virxinia Pereira e Pintora Maruja Mallo.

Esta intervención, impulsada pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, porase en marcha antes de que remate o ano, suporá un investimento de 69.976 euros e traducirase na optimización da seguranza no noiro existente a través da instalación dun valado de aceiro galvanizado e madeira, evitando caídas dos nenos e adultos que circulan polo contorno e xogan na cancha de fútbol, e na eliminación da contaminación acústica mediante o cambio do actual peche da devandita pista de fútbol por un pechamento antisonoro ao longo de todo o perímetro (tamén se pintará a mesma e instalaranse novas porterías).

En base á memoria valorada redactada polo enxeñeiro de Montes Diego Pereira, a formulación deste proxecto busca acadar unha mellora do valor paisaxístico deste espazo mediante a dotación dunha acaída composición a nivel de xardinería, así como das instalacións de rega, que permitan a conservación e desenvolvemento dos valores estéticos propios dun parque moderno nunha zona urbana consolidada. 

Tamén se procura o incremento da capacidade de acollida e confort do parque coa reforma dos bancos, dotándoos de respaldo, a colocación de papeleiras e a substitución da deteriorada fonte, e a súa conversión nun punto de socialización comunitaria, ao crear lugares de encontro e realización de actividades de lecer a través da instalación de zonas de estancia con mesas e bancos corridos de madeira no contorno da pista de fútbol. 

A intervención ten un prazo de execución previsto de mes e medio desde o seu inicio.

Tal e como salienta o concelleiro Iván Puentes, "a renovación paisaxística deseñada para o Parque Maruxa Mallo contempla a colocación de tres conxuntos de mesas con dous bancos corridos accesibles en cada unha distribuídas entre as árbores. Asemade recolocaranse os tres bancos existentes no interior da zona verde, á beira do camiño contiguo á pista de fútbol e do parque de xogos".