O Concello coordinará coa Xunta unha actuación urxente no carballo de Santa Margarida

Pontevedra
09 de agosto 2017

Técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, acudiron nos útlimos días a Mourente para facer unha avaliación do estado do famoso carballo de Santa Margarida despois da recente rotura dunha póla de 200 quilos. A conclusión é que se fai necesaria unha intervención

Carballo de Santa Margarida
Carballo de Santa Margarida / Cristina Saiz

Técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación Provincial de Pontevedra, acudiron nos últimos días a Mourente para facer unha avaliación do estado do famoso carballo de Santa Margarida despois da recente rotura dunha póla de 200 quilos.

A conclusión é que se fai necesaria unha intervención e o Concello non deixou esperar a súa reacción e xa anunciou que coordinará coas consellerías de Medio Ambiente e Cultura da Xunta de Galicia e co Arcebispado de Santiago unha "actuación urxente". 

O concelleiro de Medio Natural, Alberto Oubiña, púxose en contacto coas dúas consellerías e coa delegación de Patrimonio do Arcebispado de Santiago co fin de coordinar esta actuación urxente e tamén para definir unha estratexia de longo percorrido para conservar e manter no mellor estado posible o carballo de Santa Margarida.

Segundo sostén o Concello, o prioritario é que se autorice as intervencións urxentes definidas polos expertos do Areeiro na súa recente avaliación-diagnose sobre o estado da árbore. Este informe elaborouse a petición do Concello e acaba de ser entregado polos técnicos. Á súa vez, desde a administración local derivouse xa á Xunta.

Estas actuacións urxentes que reclaman os técnicos do Areeiro son suxeitar as ramas principais que máis carga presenten, principalmente a de grandes dimensións que dá cara á vía principal e que xa presenta unha fenda en toda a súa lonxitude; repetir o tratamento biolóxico que se dera no pasado; e darlle un tratamento novo cun produto a base de fungos que poden limitar o desenvolvemento de fungos patóxenos do solo.

Ata o momento non hai resposta oficial da Xunta á comunicación do Concello, pero Alberto Oubiña sinalou a boa disposición amosada ao requirimento feito e agarda unha resposta en breve.

pasado mes de outubro o Concello de Pontevedra presentou un proxecto para a mellora do ámbito da capela e o carballo de Santa Margariga, pero está paralizado a falta de permisos da Xunta e do Arcebispado.